Saturday 11 de May de 2024

O Pleno de Noia aproba por unanimidade as mocións dos grupos da oposición sobre desfibriladores, seguridade viaria e SAF


 

O alcalde retira da orde do día a moción do PP de apoio ao sector mar-industria alimentaria da comarca fronte á reforma da lexislación de Costas a petición da Marea e do BNG

As mocións dos grupos municipais foron as protagonistas da sesión plenaria de novembro en Noia xa que, coa excepción das dacións de conta da actividade do Goberno, non había outro punto de debate. Unhas mocións que saíron adiante, por unanimidade as presentadas polos grupos da oposición e co voto de calidade do alcalde a presentada polo PP en defensa das liberdades educativas consagradas na Constitución.

O punto de maior tensión tivo lugar durante o intento de debate da moción do PP de Noia de apoio ao sector mar-industria alimentaria da comarca fronte á reforma da lexislación de Costas. A pesar de que na Comisión previa ao Pleno todos os grupos se amosaron de acordo co contido da moción, na sesión plenaria a Marea e o BNG presentaron sendas emendas.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, negouse a aceptar as emendas, lembrando que “esta moción ten o apoio de todo o sector do mar”, “é unha moción clara e en defensa dun sector que se vería afectado por esa futura Lei de Costas” e que “na comisión informativa non se presentou ningunha emenda”. O voceiro da Marea insistiu en que se votaran as emendas á moción presentada polo Partido Popular, a pesar de que o grupo propoñente non as aceptaba.

Tras un debate sobre se o Pleno podía ou non emendar a moción proposta por un grupo municipal en contra da vontade do propoñente, Marea e BNG cambiaron a súa posición e solicitaron que o punto quedara sobre a mesa. Unha posición que aceptou o alcalde de Noia, quen trasladou a aprobación desta moción a unha vindeira comisión informativa, non sen antes lembrar que tal e como está proposto o texto normativo de Costas podería comprometer o futuro das actividades produtivas na comarca e que esa mesma moción xa fora aprobada noutros municipios da comarca, na maior parte dos casos por unanimidade.

Unanimidade

En canto ás mocións que si se debateron, todas as presentadas polos grupos da oposición saíron adiante por unanimidade. Así, o PSOE de Noia sacou adiante a súa proposta para dotar de desfibriladores a todos os colexios do municipio e á biblioteca municipal, así como instar á Consellería de Educación a facer o propio no caso dos IES e organizar cursos de formación para aprender a utilizalos. A petición do BNG, tamén se acordou instalar desfibriladores na Praza de Abastos e na Casa da Xuventude. O alcalde de Noia indicou que “xa se teñen instalado algúns desfibriladores nalgúns lugares, como nos polideportivos, e seguiremos adiante con este tipo de dotación”.

O BNG sacou adiante as súas dúas mocións. A primeira delas pídelle á Deputación a mellora da seguridade viaria na DP-1105 e a construción de beirarrúas no tramo entre o Campo das Rodas e Sobreviñas. Unha petición para a que pediu tamén a colaboración dos municipios de Lousame e de Boiro. A segunda moción era a elaboración dun plan local de adaptación á normativa e mellora do transporte público en Noia que, a pesar de que todos os grupos coincidiron en cualificala como “xenérica”, “aberta” ou “abstracta”, finalmente foi aprobada e deu pe a un logo debate sobre o transporte público no municipio.

Neste sentido, o alcalde de Noia anunciou que xa se ten avanzado moito nos últimos anos e puxo como exemplo a construción dunha decena de marquesiñas ou a reforma e mellora da estación de autobuses. Un punto no que Santiago Freire aproveitou para anunciar que nos próximos meses se aprobará un proxecto de mellora para a estación de autobuses de Noia por máis de 270.000 euros. Diante das críticas da Marea polo atraso na incorporación de Noia ao Plan de Transporte Metropolitano, aprobada en 2008, Freire lembrou que “estamos gobernando dende o 2016, polo que lles pediría tamén que reflexionaran sobre o que pasou entre os anos 2008 e 2016”.

Tamén se aprobou a moción da Marea Cidadá de Noia, que instaba á Consellería de Política Social a conceder 650 horas máis no Servizo de Axuda no Fogar para dar atención ás 42 persoas que quedaran en lista de agarda. O voceiro do NOIA, José Pérez, explicou que “xa se lle enviou unha solicitude á Consellería para subir o número de horas ata as 3.020 horas, é dicir, 613 horas a maiores”. Pola súa banda, o alcalde recordou que “ao longo dos últimos anos se ten aumentado o número de horas para o SAF” e que “a súa financiación tamén depende das achegas do Estado”.

Finalmente, o PP sacou adiante a súa moción na defensa das liberdades educativas consagradas na Constitución co voto de calidade do alcalde, despois de que as dúas votacións recolleran un empate entre os 7 votos a favor do PP, as 2 abstencións do NOIA e os 7 votos en contra de PSOE, Marea e BNG. O voceiro do PP, Julio Bustelo, pediu “respecto á Constitución española” e “garantir que os pais poidan elixir centro escolar”. Unha moción presentada a raíz das declaracións da ministra de Ensino, Isabel Celáa, no XV Congreso Escuelas Católicas nas que aseguraba que a liberdade dos pais para elixir un centro de ensino para os seus fillos non son emanación estrita da liberdade recoñecida no artigo 27 da Constitución.

BNG e Marea xustificaron o seu voto en contra en que deberían reducirse as inversións en centros concertados, mentres que o PSOE, a pesar de recoñecer que as declaracións da ministra de Ensino “non é a máis afortunada que lle teño escoitado”, segundo o seu voceiro Sergio Campos, opúxose por considerar que tiña “un tufo electoralista”. Julio Bustelo insistiu en que a intención era “defender simplemente a dualidade do sistema, non entrar en debates sobre que lei é mellor. Só estamos falando de defender un dereito fundamental recollido na Constitución”.